Opcións
Sinopse
Gañadora do III Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade (2021)
O tribunal recoñeceu na obra:
“A temática axústase estritamente ás bases, criticando os roles de xénero tan asentados na nosa sociedade e loitando contra os estereotipos, cunha historia orixinal, divertida e reivindicativa sen caer en dogmas nin estereotipos.
Enmárcase nun mundo animal-natureza co que é doado que se identifiquen as lectoras e lectores aos que vai dirixida, considerando un acerto o emprego da imaxe do galiñeiro, que ilustra perfectamente as leis que rexen o comportamento dos distintos individuos que o forman, piramidal e dominada polo galo.
Abre a porta a unha mudanza dos comportamentos estabelecidos dun xeito lúdico sen caer no dirixismo e tratando á rapazada con intelixencia. Anima a romper cos esquemas sexistas dominantes, pon de manifesto a utilidade da unión e anima a loitar por un obxectivo igualitario.
O emprego do galego está moi coidado, presentando estruturas e léxico do noso, resultando un texto fresco, divertido, con musicalidade, conectado con refráns e bastante retranca. A linguaxe é clara e está ben adaptada a primeiras lectoras e lectores.
Trátase, á fin, dun texto rico en imaxes, o que favorecerá o traballo de ilustración da obra. Ambos rexistros, texto e imaxe, poderán perfectamente complementarse e dar lugar a un fermoso álbum ilustrado”.
***
Unha pequena pita cun soño pode facer moitas cousas: salto de lonxitude, bailar claqué... pero, sobre todo, pode conseguir o máis importante: mudar as normas do galiñeiro!