Opcións
Sinopse
Tras a publicación en 2019 de O mundo en que vivín, aparece agora por primeira vez en galego Río sen ponte, a segunda novela escrita por Ilse Losa, en 1952.
A acción desenvólvese en Alemaña en 1933 ao redor dos personaxes alemáns non-xudeus Johann Schuster e Jutta Berner. Jutta vese obrigada a abandonar a súa terra natal por motivos económicos e reinstálase cos seus pais na cidade onde vive Johann co seu pai, Bernhard Schuster, propietario dunha tenda de teas e de roupa. A nai de Johann morrera ao parir o seu fillo. Jutta, pola súa parte, é filla dun home que loitou nas trincheiras durante a Primeira Guerra Mundial e que, desde que volveu á casa, non consegue un traballo estable. A súa nai, Eva Berner, ten dous traballos
para afrontar as moitas necesidades da familia. Jutta e Johann coñécense nunha Asociación da Mocidade, e Jutta sente que nel atopa unha confianza e un benestar que non experimentara ata ese momento. Con todo, a súa relación verase interrompida polas circunstancias políticas e económicas que os rodean.
Do mesmo xeito que en O mundo en que vivín, tamén aquí nos atopamos cunha protagonista que, por mor da crise que atravesaba Alemaña, se ve obrigada a deixar o seu país. Neste caso, o destino é Londres, onde se dedicará a coidar os nenos dunha familia de ascendencia xudía, nun escenario de persecución dos xudeus e de todos aqueles que non compartían a ideoloxía do III Reich.