Opciones
Sinopsis
Valle-Inclán foi o editor das súas propias obras: deseñou, decidiu a maquetación, seleccionou o papel… O resultado é un magnífico obxecto artístico, libros que hoxe están considerados entre os máis innovadores do deseño editorial modernista en España. Aquí temos a proba.
Este é o terceiro volume de Don Ramón que rescatamos nunha edición facsimilar. Despois da publicación en 2018 do seu tratado de estética La lámpara maravillosa e en 2023 da novela Flor de santidad (publicación recoñecida ese ano polo Ministerio de Cultura como o 2º mellor facsímil editado en España), tocaba gozar dos 17 espléndidos contos de Jardín umbrío, presentados tal e como Valle os concebiu e publicou en 1920.
Reproducimos, pois, fielmente esta xoia literaria da narrativa breve española e, como en ocasións anteriores, contamos con colaboradores excepcionais: o neto e biógrafo do autor, Joaquín del Valle-Inclán Alsina, quen analiza esta singular faceta, de deseñador editorial do seu avó, e o revelador estudo introdutorio asinado por Margarita Santos Zas –directora da Cátedra Valle-Inclán da Universidade de Santiago–, xunto coa filóloga Alessia Schininà. Condensan sabiamente a peripecia editorial desta obra e as súas claves literarias.
Disfrutemos das historias deste Valle xenial. Historias que nos levarán a ese mundo galaico de misterios, traxedias, do máxico marabilloso… E vivámolas coa experiencia lectora que nos proporciona este coidado facsímile.