Opciones
Sinopsis
Un novo título en galego da colección Makakiños ‘Día a día’, adaptado ao sistema SPC de pictogramas, no que visitamos unha biblioteca inclusiva da man de Nicolás.
A colección Makakiños é unha iniciativa de Kalandraka en colaboración coa Asociación Baión de Tratamento do Autismo (BATA) para achegar a lectura a persoas con necesidades de apoio educativo e facilitar a inclusión de todas e todos. Son un conxunto de libros “de fácil lectura” que procuran unha maior comprensión a nivel escrito e visual a través da linguaxe de pictogramas SPC (Símbolos Pictográficos de Comunicación), baseada en debuxos e cores.
A colección Makakiños ‘Día a día’ permítenos coñecer diferentes espazos comúns na vida diaria e anticipar a visita a estes lugares. “Nicolás vai á biblioteca” amósanos as múltiples posibilidades que ofrecen estes espazos e os diferentes materiais que están a disposición do público, ademais de mostrarnos como funciona o servizo de préstamo.
De tons alegres e luminosos, as ilustracións de Alicia Suárez destacan polo seu carácter descritivo, lúdico e a expresividade dos personaxes. Son imaxes claras, perfectamente asociadas ao texto e nas que se aprecian ata os máis pequenos detalles para facilitar a súa comprensión.