Opciones
Sinopsis
Enrique Peinador Porrúa morreu fusilado o 27 de abril de 1940 en Madrid cando acababa de cumprir 38 anos. Avogado, galeguista,militante de Izquierda Republicana e masón, o seu compromiso coas liberdades democráticas e coa Galiza que en 1936 comezaba a entrever un futuro de seu, fican fóra de toda dúbida. O golpe de Estado de xullo rachou coas primeiras e tronzou as aspiracións da segunda. A guerra, con toda a súa crueza, esmagou vidas e proxectos e o réxime lexítimo da Segunda República só tiña unha resposta:resistir.
Peinador foi un home lonxe de apaixonamentos revolucionarios, non era un marxista. Cría nas leis, na tolerancia e no respecto. Tamén na igualdade e na solidaridade. Por iso, custa entender que un tribunal militar ditase a última pena contra el e outras 43 persoas nun célebre e irregular consello de guerra celebrado no Madrid da posguerra. A xustiza de Franco aplicada dende unha óptica vingativa, sen garantías xurídicas e cunha mensaxe carente de humanidade.