Opcións
Sinopse
Coplas analfabetas é un proxecto literario que afonda na tradición oral galega recuperando a forza das coplas como forma de transmisión da memoria e da identidade colectiva. Inspirado na figura de María Dominga Cordeiro García, madriña do autor, unha muller analfabeta, pero portadora dun vasto repertorio de cantigas populares, este libro busca dignificar a voz das persoas silenciadas pola historia.
A obra estrutúrase en dúas partes: «Coplas analfabetas e revolucionarias», que denuncia a inxustiza social, a desigualdade e o esquecemento das clases populares, e «Coplas de vida trala morte», cunha reflexión poética sobre o paso do tempo, a memoria e a transcendencia. No eido literario, a obra bebe da tradición rosaliana e conta cun limiar de Anxo Angueira. No que atinxe á musica, baixo a coordinación de Eugenia Sanmartín, reúne destacadas voces da escena galega, como Barahunda, Davide Salvado ou Carmen Penim, que adaptan as coplas á sonoridade contemporánea. No referido á parte plástica, a obra de cuberta e interiores pertence á pintora María do Carme Quinteiro Alonso.
Máis aló do seu valor estético, Coplas analfabetas é un proxecto de recuperación e posta en valor do patrimonio cultural galego, é un canto á memoria e á identidade, unha homenaxe á palabra transmitida de xeración en xeración e unha aposta pola cultura galega como espazo de creación, reivindicación e futuro.