Opcións
Sinopse
“Do berce á lúa” fai 20 anos e para celebralo poñemos á disposición de lectoras e lectores unha maleta exclusiva ilustrada por Óscar Villán para transportar e compartir os libros preferidos dos máis pequenos. Un formato ideal para regalar ou para quen accede por primeira vez a esta colección, que é xa todo un referente da LIX para as primeiras idades.
“Lúa”, “Animais” e “Bebé” conforman o contido da maleta que se completa con “Limón” e “Flores”, as dúas últimas novidades publicadas recentemente. Unha selección de cinco obras imprescindibles que, como o resto da colección, se apoian nos recursos do cancioneiro tradicional infantil (rima, ritmo, enumeración, repetición, verso e retrouso, acumulación...) e en imaxes recoñecibles sobre fondos claros para contribuír a iniciar o camiño da prelectura de nenos e nenas.
Cada exemplar de “Do berce á lúa” é un exercicio poético para educar o ollo e adozar o oído, como explica o seu autor Antonio Rubio. Pese á súa aparente sinxeleza, tanto o seu deseño como o seu contido, a partir de temas próximos aos intereses dos máis pequenos, son froito dun longo proceso de reflexión e creación.