Opciones
Sinopsis
Nova edición corrixida. 2019
O Manual práctico de galego forma parte da colección que Baía Edicións dedica a poñer en mans das persoas interesadas en coñecer o noso idioma uns manuais de fácil comprensión, ao tempo que proporcionar uns textos para aqueles que precisen dunha forma rápida e segura resolver dúbidas a respecto da escrita do galego.
O presente manual resulta un material didáctico moi eficaz para os cursos de iniciación e perfeccionamento do idioma galego promovidos polas nosas autoridades educativas e culturais tanto no noso país como naqueles territorios con poboacións de tradición galegofalante, para os cursos de formación de adultos en lingua galega, para a preparación de oposicións ás distintas administracións actuantes en Galiza, como repaso dos coñecementos adquiridos e complemento dos traballos de lingua para os últimos cursos da ESO, Bacharelato e Formación Profesional, e un texto de consulta inmediata para as persoas que xa fan do galego o seu medio vehicular de comunicación.
O manual, que se adapta ás Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego aprobadas pola Real Academia Galega en sesión plenaria do 12 de xullo de 2003, estrutúrase en dúas partes: unha de teoría, para coñecer os porqués, e outra máis práctica, cunha ampla proposta de exercicios. A súa solución recóllese ao final do manual, coa intención de axilizar a comprobación da exactitude das respostas dadas.
Realizado coa intención de ensinar do xeito máis ameno posíbel, trata tamén de dar unha visión actualizada do galego de hoxe, e axudar a que o noso idioma sexa un vehículo lingüístico máis accesíbel e máis empregado, non só na fala, viva e forte a pesar dos atrancos que aínda na actualidade sofre, senón tamén na forma escrita, por desgraza, máis inusual.