Opciones
Sinopsis
"RADIO VIGO. 90 ANOS DE HISTORIA DA CIDADE"
Na procura da palabra axeitada
Queremos atopar unha palabra para definir a relación entre a radio e a audiencia. Non somos da familia, pero a radio vai connosco no móbil e no coche, e deixámola entrar na casa con tal confianza que coñece até a nosa cociña, baño e dormitorio. Non é cousa de días, semanas ou meses. A relación de Radio Vigo cos oíntes fai xa noventa anos e aínda seguimos na procura da palabra axeitada. A radio na II República, coas súas esperanzas e convulsións; durante o golpe de estado militar, a guerra civil, a represión franquista e a ditadura; na chegada da democracia, da autonomía e do progreso social; no delirio dunha burbulla financeira que levou a unha crise global, ou durante esa pandemia que parou o mundo facéndonos reparar na nosa propia fraxilidade. Houbo mudanzas na fisionomía de Vigo e na propia localización da emisora, nos hábitos da xente, no urbanismo, na sociedade, na economía e na cultura. Levamos xa case un século de convivencia, vibrando e respirando canda a radio, en horas, minutos e segundos, coma un corazón que latexa e sintoniza coa enerxía de Vigo e das Terras de Turonio. Despois de noventa anos de vida canda catro xeracións de oíntes, seguimos na procura da palabra que mellor defina nosa relación. Nesta exposición multimedia, organizada arredor das catro sedes que tivo a radio, descubrimos os rostros, os obxectos, as historias e as voces dalgunhas das persoas que estiveron, están e van estar ao noso carón para informarnos entreternos e acompañarnos. A ver se así, entre todas e todos, damos por fin coa palabra axeitada...
Aser Álvarez. Comisario da exposición.