Opciones
Sinopsis
Tras “Non é unha caixa”, un novo álbum de Antoinette Portis sobre o valor da creatividade, a colaboración e o traballo en equipo.
O pequeno coello quere construír unha cidade de cartón. Amorea unha caixa enriba doutra e non quere axuda de ninguén: nin da alta xirafa nin das pequenas e fortes formigas, nin sequera do camaleón, excelente pintor. Pero que é unha cidade de cartón sen amigos?
Escrito e ilustrado coa mesma encantadora simplicidade que fixo de “Non é unha caixa” un éxito internacional, as imaxes de Antoinette Portis, compostas por figuras debuxadas a man e anacos de caixas recicladas de diversos tamaños, están cheas de detalles: edificios de equilibrios imposibles, ringleiras de pequenas formigas que transportan caldeiros de pintura, rechamantes cores a medida que o cartón se pinta, se corta e se pega formando un divertido conxunto urbano... Finalmente, “a miña cidade” convértese en “a nosa cidade!”, na que todos os veciños construtores saúdan dende as xanelas.
Un álbum que pon de novo en valor a creatividade infantil e as infinitas posibilidades de xogo cunhas simples caixas de cartón fronte aos actuais e sofisticados xoguetes electrónicos. Unha historia que enxalza a amizade, a solidariedade e o traballo creativo en equipo.