Opcións
Sinopse
Despois dunha visita ao que será o seu instituto no curso próximo , David sente que algo non vai ben . As sombras dos lagartos perségueno na rúa , na escola e mesmo na casa , facéndoo lembrar intensamente a aldea dos seus avós , Santo Antón de Piñeiro . David sabe que só alí pode volver ser el mesmo e responder ao seu nome verdadeiro : Arnal . Tampouco pode esquecer a persoa que lle puxo ese alcume , o seu curmán Marcos , un rapaz introvertido que desapareceu misteriosamente e de quen ninguén quere falar . Por iso David está disposto a dedicar todo o verán a procurar a luz nas sombras do seu pasado . Quizais así poida reencontrarse cos seus amigos da primeira infancia , esquecer un pouco o divorcio de seus pais , revelar un segredo familiar oculto e dicir , ben alto , que todas as persoas teñen o dereito de decidiren o seu destino , sexa este o dos lagartos , o das avelaiñas ou mesmo o das bolboretas .