Opcións
Sinopse
Analizar a relevancia das manifestacións artísticas
coñecidas como arte urbana e muralismo contemporáneo é o obxectivo deste volume colectivo titulado Pegadas no muro. Cultura urbana e arte nas rúas (Alvarellos Editora). Unha análise
desde o ámbito académico, mais tamén desde o
profesional e do artístico. Non hai precedentes
en Galicia dunha publicación similar, que aborde
dun xeito integral o fenómeno dos graffitis, da
arte urbana e do muralismo público, nun contexto
que abarca desde o internacional ao local.
O proxecto naceu en Lugo en 2024, ao abeiro dun
curso celebrado na Facultade de Humanidades.
Coordinado polas dúas investigadoras da USC que
tamén coidan da presente edición, Patricia Cupeiro
e Miriam E. Cortés. Colaboran neste volume
catorce especialistas de diferentes disciplinas.
O carácter de potente motor de cambio social
destes fenómenos culturais (como ferramenta de
identidade e cohesión comunitaria), a visibilidade
das mulleres ou a conquista de espazos rurais
son algúns dos temas tratados. Tamén, a recente
institucionalización do fenómeno
–que fai emerxer dúbidas sobre a súa autenticidade
cultural– ou as tensións entre legalidade e
lexitimidade.